
Cervo está situado no norte da provincia de Lugo, na zona costeira que coñecemos como A Mariña Lucense; trátase dun concello que consta dunha extensión de 78 quilómetros cadrados divida en seis parroquias: Castelo, Rúa, San Román de Vilaestrofe, Sargadelos e Lieiro, todas elas cunha beleza paisaxística singular.
Cervo ten fermosas praias como a de Rueta, nas inmediacións da capitalidade e praias tranquilas e cómodas no corazón da vila de San Ciprián, tamén coñecida como “A Península da Paz”.
Pero neste concello combínase o sabor mariñeiro coa paisaxe rural do interior de Galicia. Os seus núcleos máis afastados da costa teñen características de zonas de montaña, o que propicia unha rica variedade paisaxística, aínda que o clima suave e húmido durante todo o ano garante unha vexetación sempre verde e exuberante.
Cervo está asociado a un dos proxectos empresariais máis antigos e de máis renome en Galicia: Sargadelos. Dende a súa época máis remota na que funcionaba como fundición e fábrica de municións para o Estado ata chegar a ser un dos maiores produtores de cerámica de España. Despois de anos de abandono, o empuxe de Isaac Díaz Pardo reviviu o seu prestixio grazas á produción de calidade decorativa, inspirada en motivos artísticos e naturais da propia terra. En época máis recente, a industrialización deste territorio cobrou un novo impulso coa instalación dun dos máis grandes centros de fabricación de aluminio de Europa, o complexo de ALCOA en San Ciprián, do cal se sustenta a maior parte da comarca da Mariña Lucense.
Todos estes factores combinados coa tradicional dedicación á pesca e á construción de pequenos navíos, así como a incipiente actividade turística permite aos seus habitantes gozar dunha elevada calidade de vida que se pon ao servizo do visitante.
Rúa Xosé Álvarez (Cervo)
Paseo dos Namorados (Sargadelos)
Ría de San Ciprián
O Vilar (San Román)